DURANTE CINCO ANOS, DESDE NOVEMBRO DE 2010 ATÉ FINAIS DE 2015, O ASINANTE DESTAS PÁXINAS ESTIVO A COLABORAR DE MODO REGULAR COA PUBLICACIÓN DIXITAL TERRA E TEMPO [...] CON ARTIGOS MENSAIS E, XA NOS ÚLTIMOS TEMPOS, CON CONTRIBUTOS BIMENSAIS. VAIA POR DIANTE, ANTES DE MÁIS, O MEU AGRADECEMENTO AOS ÓRGAOS DE XESTIÓN DA ANTECITADA REVISTA, DEPENDENTES DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ DE ESTUDOS NACIONALISTAS, POLA OPORTUNIDADE BRINDADA E POR ASÍ PODER PARTICIPAR NUNHA PUBLICACIÓN QUE POSÚE UNHA TRAXECTORIA DE MÁIS DE CORENTA ANOS (SEIS NA ERA DIXITAL DESDE 2010) E QUE NA ACTUALIDADE CONSTITÚE UNHA REFERENCIA ENTRE OS MEDIOS DE INFORMACIÓN, DE COMUNICACIÓN E DE PENSAMENTO NA GALIZA [...]. O PRESENTE TRABALLO RECOLLE, POR TANTO, A MAIOR PARTE DESES TEXTOS, QUE, Á EXCEPCIÓN DALGÚN CASO, PROVEÑEN DA COÑECIDA REVISTA. XA NESTA ALTURA, PERANTE A SELECCIÓN NUN ÚNICO VOLUME, ERA NECESARIO ESTAREN DOTADOS DUN TÍTULO UNITARIO. E PENSEI, PARA ISO, QUE O FAMOSO NOME DO POEMA DE VALENTÍN LAMAS CARVAJAL PUBLICADO EN SAUDADES GALLEGAS (1880) PODÍA SERVIR PARA TAMÉN INTITULAR A PRESENTE ESCOLLA, A CAL ASENTA EN TRES EIXOS TEMÁTICOS XERAIS: CON INDEPENDENCIA DE CERTOS ARTIGOS SE CENTRAREN EN ASUNTOS COMO O LABOR DO ASOCIACIONISMO VECIÑAL, A REINVINDICACIÓN DA FIGURA DE ALEXANDRE BÓVEDA, AS IMPRESIÓNS PARTICULARES QUE ME INSPIRARON DETERMINADAS VIVENCIAS ETC., O CERTO É QUE A LINGUA, A MÚSICA TRADICIONAL E OS NOMES DE LUGAR DO PAÍS SON AS CERNAS FUNDAMENTAIS DO LIBRO. TODAS TRES, EMBORA PEDAGOXICAMENTE POIDAN RESULTAR SABERES OU DISCIPLINAS DOADAMENTE DELIMITÁBEIS, ILUSTRAN INNÚMEROS PUNTOS DE CONFLUENCIA, DE FORMA QUE, A PESAR DO MAIOR PESO DOS CONTRIBUTOS FOCADOS EN TEMAS FILOLÓXICOS AQUÍ CONTIDOS, OS CONSAGRADOS A ASPECTOS DA TOPONIMIA E DA MÚSICA GALEGAS CONSEGUEN HARMONIZAR CON ELES AO SERVIREN COMO EFICAZ COMPLEMENTO E NON EXCLUSIVAMENTE ORNAMENTAL: AS FADAS GALEGAS, AO FALAREN, FANO EN GALEGO, E ELAS PROPIAS, CANDO CANTAN, FANO TAMÉN NO NOSO IDIOMA; POR SÚA VEZ, AS MONTAÑAS, OS RÍOS, OS PENEDOS, AS FONTES, OS LUGARES, OS CAMIÑOS E OS VALES, CANDO SE FAN LINGUA ENTRE NÓS MEDIANTE A TOPONIMIA E CANDO SE COMUNICAN COAS FADAS, TAMÉN SE EXPRIMEN EN GALEGO. AÍ É ONDE APARECE, POIS, O VERDADEIRO FALAR DAS FADAS, CAPAZ DE VINCULAR A LINGUA, A MÚSICA E A PAISAXE TRANSFORMADA EN MILLENTA NOMES.