Pepa A Loba, a muller por antonomasia do bandoleirismo galego, ten por fin a súa novela de raigame histórica, xurdida dos propios alicerces desta afouta e rebelde capitá de gavela, que acadou sona no século XIX por máis de media Galicia. A súa memoria medrou imparablemente nunha lendahistoria forxada polo pobo galego dende entón, para ofrecer, ao cabo, a imaxe libre e inapreixable que hoxe temos dela. Unha muller indómita e combativa, malia as duras adversidades que sufriu. Carlos G. Reigosa atina cun relato directo e punxente que trenza unha intensa historia de amor sobre un fondo de violencia que emparenta co das Comedias Bárbaras e Divinas Palabras de Valle-Inclán, fillas do mesmo territorio e do mesmo espírito do tempo. Unha novela memorable de lectura engaiolante que, por riba da lenda, nos reconcilia coa verdadeira historia da máis famosa bandoleira galega de todos os tempos.