Este libro baséase nalgúns datos da primeira etapa en Carreira, cando a xente maior me explicaba con tanta paciencia e tanto cariño como se vivía ""daquela"" e nos primeiros anos dos 1990. No entanto a maioría dos datos veñen da investigación prolongada que Sharon fixo a través dos anos 90 e os primeiros do século XXI. Sharon espera que este libro proporcione ás lectoras e aos lectores unha perspectiva desde fóra e desde dentro. Pódese ver claramente que depende non só do traballo de campo, de entrevistas feitas e da ""observación participante"" que son métodos claves dos antropólogos sociais, pero tamén do arquivo da parroquia que garda con agarimo a Asociación de Veciños. Quero subliñar a importancia dos arquivos locais e tamén dos datos, tanto orais como escritos que podemos recoller sobre os tempos recentes. Na antropoloxía histórica sabemos que temos que pensar no pasado recente dos nosos informantes. A garda de datos locais polas asociacións locais é un recurso moi importante para estudar Galicia, tanto para as investigacións das épocas máis atrás como para as dos tempos máis recentes. Hai que apreciar e dar apoio a isto, así como a outros esforzos de base local. Está claro que eu non podería escribir este libro se non tivese acceso á amabilidade dos residentes e tamén ao arquivo da localidade. Como todos sabemos en pouco tempo se poden perder moitos detalles do que pasou. Nunca imos ter á man todo o que pasou nun sitio, algo totalmente imposible no caso do ser humano. Pero para acceder ás perspectivas locais, hai que seguir non só co traballo de campo de bastante duración, senón tamén coa consulta dos arquivos.