Xope de Lilaina pretende ser algo máis que unha colección de relatos da tradición oral disimulada pola introdución do recurso literario dun escritor imaxinario, M. Castro d¿Anllóns, que oculta ao verdadeiro autor. Neste sentido, cremos que nesta obra señorea a memoria, recuperada a través de elementos da cultura oral no seu fantástico, de trazos biográficos dispersos e dunha paisaxe ao fondo, escenario necesario, e unha carga nostálxica que unha certa ironía, evidente en ocasións, máis agochada noutras, non consegue disimular por completo. A lectura destes relatos remítenos a un tempo indeterminado para alén de toda marca cronolóxica, que nos chega, expresivo e antigo, desde o fondo de escuras cociñas ou desde a conversa amigábel nun gabinete, onde a referencia libresca e ilustrada ocupa un lugar principal. Ao fondo, xa o dixemos, hai un país boscoso e fluvial, antigo de brañas e xunqueiras debuxadas polo vento no lenzo da historia e que, en certo modo, resume a figura imprecisa e verdadeira de M. Castro de d¿Anllóns.