Esta nova obra narrativa de Alberto G. Aneiros componse de 8 relatos breves e outro máis extenso -o que dá título a obra-, en forma de diario de viaxe, que case podería considerarse unha novela curta. A través da súa lectura, coñeceremos un insólito testemuño directo de abusos sexuais; fatais atraccións e rexeitamentos entre mozas e mozos enleados; malos tratos machistas -e clasistas- nunha situación inesperada; a falsa amizade, o egoísmo desapiadado dalgunha xente nova; un sindicalista que sufriu represalias contando experiencias persoais e certas atrocidades do réxime franquista; a represión e castigo militares dun recruta apaixonado polo canto, que non pode lerse -ou oírse- sen ironía dramática; unha curiosa apoloxía dunha profesión macabra; o progresivo illamento social e a decadencia dun pobre home rico de vila; os conflitos e desgrazas dunha parella nunha viaxe pola India... Todo iso se vai debullando nos diversos textos narrativos que conforman a obra. Algúns dos seus personaxes móstrannos trazos morais autenticamente monstruosos, comportamentos irracionais, vicios perversos ou paixóns destrutivas que non poden senón derivar en dramas humanos, demasiado humanos... Agás nunha das historias, o narrador é sempre un dos protagonistas principais que en primeira persoa conta, sofre e coñece directamente o acaecido, o que permite mesmo unha lectura dramatizada dos mesmos. A pesar da tristeza sen conto da maioría dos feitos narrados, nalgúns dos relatos -como Desafinado, O que un vello sepultureiro dixo..., Fermín o Señorito- non faltan certas doses de humor.