Mentras en Europa o dragón é un animal misterioso e de reminiscencias diabólicas, en Asia é sinónimo de paz. Esta obra bilingüe galego-chinés mandarín, que conxuga literatura, caligrafía e ilustración, conta a orixe desta criatura mítica, creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas das diversas tribos chinesas. Os adultos, que veneraban os animais sagrados, tamén facían a guerra no seu nome. ...Ata que os nenos decidiron crear un animal que os arredara desa espiral bélica: co corpo da serpe silandeira e astuta admirada polos habitantes da meseta, coa cabeza do cabalo veloz coma o vento que protexía os xinetes, coas escamas do peixe escintilante honrado polos pescadores da beiramar, cos cornos do búfalo forte e traballador ao que enxalzaban os campesiños dos arrozais, e coas patas do paxaro libre e cazador louvado polos montañeses, xurdiu un ser híbrido co que cada Aninovo chinés se festexa a paz e a ledicia.